Este ano cúmprese o 50 Aniversario do Club de Remo de Ares.
O Club de Remo de Ares, con moito esforzo e traballo e cos seus altos e baixos está convertido nun dos líderes do remo galego.
E todo isto conseguido por pura afección xa que as xeracións de remeiros non son compensados economicamente e é moito o esforzo que realizan adestrando todo o ano faga frío ou calor. Só lles compensa o entusiasmo de lograr boas clasificacións e algún que outro palmarés ou título clasificatorio nun deporte duro e que non é compensado coas sumas que se reparten outros deportes de menos esforzo.
O esforzo social, tanto de directivos como remeiros, é encomiable xa que lles levou en anos atrás a construír o seu propio local social por prestación persoal no lugar do Petelo.Eles deron a coñecer o nome de Ares por todos os circuítos do remo, tanto na costa galega como en toda a cornixa cantábrica e ata nos lagos onde se celebraron regatas famosas.
O deporte do remo é considerado polos especialistas como un dos máis duros e nobres. Xunto co ciclismo é unha das disciplinas deportivas de maior arraigamento na zona de Galicia, xunto cos portos asturianos, cántabros e vascos que manteñen tamén esta modalidade de competición de enorme beleza autóctona.
En Ares xorde esta afección do remo, como en toda a cornixa cantábrica, da tradicional rivalidade entre os tripulantes das distintas embarcacións pesqueiras que compiten para demostrar a súa habilidade durante as festas tradicionais dedicadas á Virxe do Carme, a súa patroa.
Polos anos corenta os remeiros de Ares empezan a trasladarse fóra da súa contorna e van competir a Sada de forma libre. Foi no ano 1958, 8 de decembro, cando deciden regulamentarse deportivamente e fundar o Club de Remo de Ares, capitaneados por "Pancho" Francisco López e baixo os auspicios da Confraría de Pescadores.
Ao seguinte ano 1959, xa como club federado, participa no campionato de España de Bermeo, alcanzando un meritorio terceiro posto.
Continúa o interese e no verán do seguinte ano 1960, na badía de Santander, proclámase campión de España de bateis, sendo a primeira embarcación non vasca que o consegue. Desde ese momento o Club de Remo de Ares tomou outros rumbos adecuándose aos tempos e deixando a práctica do banco fixo e embárcase na aventura do banco móbil, única disciplina olímpica.
Máis tarde incorpora a outras modalidades como traiñeiras de gran tradición mariñeira.
En 1962 consegue un terceiro lugar nas probas disputadas en León e en 1966, en augas ferrolás, proclámase campión de España de yolas na categoría xuvenil.
Continúa con éxitos simultáneando o banco fixo e o móbil e desde 1977 proclámase varias veces consecutivas campión galego de bateis.
No ano 1975 no lago de Mequinenza, consegue a medalla de bronce na modalidade outtriger a 4 sénior e en 1980 é campión de España de Dobre Scull en categoría infantil. Tamén quedou de sexto de bateis en Luanco e o mesmo fixese en 1979 en Castro Urdiales. En 1981 alcanza outra vez a medalla de bronce na mesma categoría e modalidade do ano anterior.
Despois continuou con participación en regatas obtendo éxitos como ata ser por catro veces consecutivas campión galego de bateis na Coruña.
Das súas filas saíron grandes remeiros como o olímpico Pedro Carro Allegue.
Outros datos máis recentes poden obterse na páxina Web do Club de Remo de Ares .
Esta é a grandes liñas, a primeira etapa da vida deportiva deste Club, que continúa actualmente pondo sempre en práctica o lema deportivo de que "o importante é participar".
Coincidindo co seu 25 Aniversario, no ano 1983, o Club de Remo de Ares inaugura as súas Instalacións no lugar do Petelo, Avda. Tenente Xeral Gabeiras, nunha leira denominada "As Cortiñas" de propiedade municipal e que foi outorgada como arrendamento mínimo de 50 anos e posibilidade de ser prorrogado, con autorización de efectuar as instalacións que se consideren necesarias, pero coa condición de que cando chegue a operarse a reversión, as instalacións e construcións existentes pasarán a ser propiedade municipal, sen ningunha indemnización.
Este contrato foi realizado o día 24 de abril de 1980, en virtude do aprobado no Pleno Municipal de 29 marzo 1980, facultando ao Alcalde José Cortiñas Gil para outorgar o contrato en representación do Concello e por parte do Club de Remo de Ares, o seu Presidente naquel momento José A. Roel Lodeiro.
Agora, con motivo do 50 Aniversario, o Concello de Ares tamén entrega ao Club unha substanciosa subvención, en recoñecemento ao seu labor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario